25N, DÍA INTERNACIONAL DA ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA A MULLER
A UNED de Lugo súmase á iniciativa de A LAS OLVIDADAS, unha campaña de recollida de libros dedicados pola xente para as reclusas das prisións.
Que libro lle regalarías a unha muller que está no cárcere? Así comeza esta iniciativa. Libros para evadirse, pero tamén para xerar reflexión e debate ao redor dun colectivo invisible para a sociedade e discriminado polo sistema penal porque son minoría.
A las olvidadas é unha iniciativa feminista, cultural, solidaria, poética e transformadora, dentro e fóra das prisións que nace da man de teta & teta, unha asociación sen ánimo de lucro, pero con ánimo de reivindicar a liberdade feminina a través da creatividade e o activismo.
No mes de novembro conmemórase o 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres. A UNED de Lugo súmase a esta iniciativa participando como centro de recollida de libros que irán destinados ao Centro Penal de Bonxe.
Na actualidade, a violencia contra as mulleres e as nenas é unha das violacións dos dereitos humanos máis estendidas, persistentes e devastadoras do mundo. A desigualdade entre os xéneros persiste en todo o mundo e acabar con ela require esforzos enérxicos para combater a discriminación profundamente enraizada, que a miúdo é consecuencia de actitudes patriarcais e das normas sociais que estas conlevan.
O sistema penal esta deseñado para os homes porque son maioría: 92.7%. das 69 prisións que hai en España, só 4 son de mulleres. Nestes módulos e por falta de espazo están todas mesturadas: mozos, adultas, preventivas, penadas, primarias, reincidentes. O 80% son nais. O 88.41% sufriron violencia machista. Existe unha relación directa entre os malos tratos, as secuelas psicolóxicas e a historia delituosa. 1 de cada 4 é estranxeira. O 84% viaxa ao noso país para soster economicamente ás súas familias. A maioría dos seus delitos están relacionados co home: dependencia, encubrimento, violencia, engano. O 50% ten ao marido ou parella en prisión.
Como di @acope_ong, as mulleres cumpren 3 condenas: xudicial (polo delito), a social (por romper o seu papel de muller) e a persoal (por abandonar á súa familia). E unha cuarta, a institucional, por ser mulleres.