O proxecto “ODS en Acción”, promovido polo Observatorio ODS da UNED, é unha iniciativa anual que busca difundir, a través dun ciclo de conferencias, os valores e obxectivos da Axenda 2030. Cada mes abordarase un Obxectivo de Desenvolvemento Sostible (ODS) vinculado a un Día Mundial ou Internacional, co propósito de fomentar o pensamento crítico, impulsar a acción colectiva e reforzar o papel da universidade como axente transformador cara a un futuro máis xusto e sostible.

Conmemoración do Día Internacional da Loita Contra o Cambio Climático (24 de outubro). ODS 13: Acción polo clima
Conferencia: "Bosques e Cambio Climático. Retos e oportunidades"
Ponente: Mercedes Rois
Os nosos bosques están ameazados pola crise climática, pero ao mesmo tempo son parte da solución para facer fronte á mesma. Na charla abordaremos os desafíos aos que se enfrontan e as oportunidades que ofrecen, desde a perspectiva da industria e a investigación, pero principalmente para os pequenos propietarios forestais, aspecto central do proxecto europeo SMURF.

Conmemoración do Día Internacional para a Eliminación da Violencia Contra a Muller (25 de novembro). ODS 5: Igualdade de xénero.
Conferencia: "Combatendo o machismo en redes"
Ponente: Sandra Piñeiro Vilas e Luis Villares Naveira
No contexto do 25 de novembro, esta sesión analiza como o machismo se expresa e se amplifica nas redes sociais, un espazo no que os discursos de odio, a desinformación e os estereotipos de xénero atopan unha rápida difusión. Desde unha perspectiva crítica e académica, examínanse os mecanismos que sosteñen estas dinámicas dixitais e preséntanse ferramentas educativas e comunicativas que permiten contrarrestalas, promovendo contornos máis seguros, igualitarios e respectuosos cos dereitos das mulleres.

Conmemoración do Día Internacional das Montañas (11 de decembro). ODS 15: Vida de ecosistemas terrestres.
Taller: "Baño de Bosque e Iniciación ao Haiku"
Ponente: Mercedes Rois e Francisca García Jáñez
O haiku é unha forma de mirar a natureza e prestar atención aos cambios da paisaxe e a todo o que nos rodea. É unha composición poética de orixe xaponesa, un poema curto de 3 versos de 5-7-5 sílabas respectivamente. Aprenderemos a esbozar un haiku captando un momento efémero da natureza, conectando co presente.
Os baños de bosque (Shinrin-Yoku) son unha práctica, tamén xaponesa, que convida a mergullarse na natureza con atención plena. Son moito máis ca un paseo: son unha experiencia consciente, inmersiva e multisensorial para conectar coa natureza e cun mesmo, para acougar a mente e fortalecer a saúde. Numerosos estudos científicos destacan os seus beneficios.

Conmemoración do Día Internacional da Educación Ambiental (26 de xaneiro). ODS 4: Educación de calidade.
Conferencia: "O espertar da conciencia ambiental dende a infancia: O proxecto pellets"
Relatoras: Bibiana Marful e María Mayorga.
O espertar da conciencia ambiental desde a infancia supón avanzar cara a unha mirada ecocéntrica e biocéntrica, na que a vida se sitúa no centro. Educar desde esta perspectiva implica comprender a interdependencia entre os seres vivos e os ecosistemas, e recoñecer que o coidado do planeta non é unha opción, senón unha responsabilidade compartida que comeza nas primeiras etapas da vida.
O Proxecto Pellets aborda esta toma de conciencia a partir dunha problemática ambiental concreta, conectando a experiencia educativa cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, especialmente aqueles vinculados á educación de calidade, a acción climática e a protección dos ecosistemas. Desde a infancia, a educación ambiental convértese así nunha ferramenta transformadora que promove o pensamento crítico, o compromiso ético e a participación activa no coidado da vida.

Conmemoración do Día Internacional da muller e nena na Ciencia (11 de febreiro). ODS 5: "Igualdade de xénero" e ODS 9: "Industrial, innovación e infraestructura"
Programa de actividades: Mesa redonda "Conéctate a ciencia" e a Conferencia "Soñar, investigar, descubrir: o camiño das nenas na ciencia"
Ponentes: Oumaima Abbou, Laura Baus, Cristina Bombín del Palacio,Sofia Ya Hsuan Liou, Olatz Merino Garay, María del Rocío Muñoz Mansilla, Silvia Soriano Arévalo
A xornada distribuíuse en primeiro lugar cunha mesa redonda que contou con diversas profesionais do ámbito STEM para compartir as súas traxectorias formativas e experiencias en sectores estratéxicos como a enxeñería, a ciberseguridade, a investigación biomédica, a sustentabilidade ou a transformación dixital, dirixido a alumnado de centros educativos de Lugo, no que puideron participar de forma activa.
O segundo momento da xornada, deuse pola tarde, coa Conferencia "Soñar, investigar, descubrir: o camiño das nenas na ciencia" a cargo da relatora Lara Neira González. Ambas as actividades teñen como obxectivo ofrecer referentes femininos en ciencia e tecnoloxía, contribuír á eliminación de estereotipos de xénero e fomentar vocacións STEM entre as nenas e novas, achegándolles modelos reais de liderado e excelencia profesional.

Conmemoración do Día Internacional da muller (8 de marzo). ODS 5: "Igualdade de xénero"
Programa de actividades: Vídeo podcast "Voces que abren camiños" e as VI Xornadas Aprendendo Feminismo, baixo o título “Xenealoxía feminista. Mujeres para pensar, ideas para defender” a través dun espazo para o diálogo e unha exposición.
Ponentes: María del Carmen Abuin González, Mª Carmen Díaz Simón.

Conmemoración do Día Mundial da Saúde (7 de abril).
ODS 3: "Saúde e Benestar"
Actividad: "Introducción ao barre"
Ponentes: Marta Fernández Meijide

Conmemoración do Día Mundial da arte (15de abril).
ODS 12 "Produción e consumo responsable"
Actividad: "Taller de acuarela na natureza e baño de bosque"
Ponentes: Oniel Rodríguez López, Mercedes Rois Díaz.
Dende a UNED de Lugo organizouse unha actividade que combina un taller de acuarela na natureza e un baño de bosque dentro do programa ODS en Acción, co obxectivo de promover o benestar, a creatividade e a conexión coa contorna.
Esta iniciativa desenvolveuse con motivo do Día Mundial da arte, o punto de encontro foi o Centro de Interpretación Terras Do Miño no Paseo del Río Rato de Lugo. Propúxose unha actividade experiencial que combinaba un taller de acuarela na natureza, dirixido por Oniel Rodríguez López, cun baño de bosque guiado por Mercedes Rois.
Ao longo da sesión, os profesionais especializados introduciron tanto os fundamentos da pintura con acuarela como as dinámicas propias do baño de bosque. E as persoas participantes puideron explorar técnicas básicas de acuarela inspirándose na contorna natural, á vez que desenvolven unha conexión máis profunda coa paisaxe mediante exercicios de atención plena e vivencia directa.





