DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2026
A Real Academia Galega (RAG) dedica o Día das Letras Galegas 2026 a Begoña Caamaño (1964-2014), unha das voces máis singulares da cultura galega contemporánea. Xornalista, escritora e activista feminista, desenvolveu unha intensa traxectoria profesional, especialmente vinculada á Radio Galega, onde destacou polo seu compromiso coa información rigorosa, coa defensa da lingua galega e coa responsabilidade social dos medios de comunicación. Como narradora, renovou a literatura galega coa reinterpretación dos mitos clásicos desde unha perspectiva feminista en obras como Circe ou o pracer do azul (2009) e Morgana en Esmelle (2012). A súa obra e o seu pensamento caracterízanse por unha fonda reflexión sobre o poder, o xénero, a liberdade e a xustiza social. Coa súa escolla, a RAG reivindica tamén a necesidade dun xornalismo ao servizo da cidadanía, comprometido coa verdade e co uso do galego, así como a vixencia dunha ollada crítica e transformadora sobre o presente.
Desde a UNED de Lugo sumámonos á celebración desta efeméride cunha proposta que pon en valor a tradición oral galega e os espazos comunitarios nos que esta se transmitiu e recreou ao longo do tempo. Afondaremos nas reunións veciñais que combinaban traballo e lecer, así como nos códigos de relación social, nas manifestacións artísticas e nas expresións musicais que favorecían a interacción entre as persoas dunha comunidade e doutras localidades próximas.
Para esta actividade contamos coa participación de Xisco Feijóo, coreógrafo, cantador e bailador galego, recoñecido polo seu labor de investigación e recuperación do patrimonio inmaterial de Galicia. Ao longo de máis de tres décadas desenvolveu un intenso traballo de recolla etnográfica e participou en numerosos proxectos musicais e escénicos, contribuíndo á difusión da cultura tradicional galega tanto dentro como fóra do país.






