
A UNED de Lugo impartiu hoxe unha charla de divulgación ambiental dirixida ás persoas usuarias de ASPANANE Viveiro, no marco do proxecto Entre Mareas.
A conferencia foi impartida por Alejandro Rodríguez García, biólogo ambiental do proxecto #LugoNaturalMente, e contou coa participación de arredor de trinta persoas usuarias da Asociación de Pais de Persoas con Discapacidade Intelectual de Viveiro.
A ponencia, titulada A contaminación por plásticos no mar, tivo como obxectivo principal sensibilizar sobre a problemática dos vertidos plásticos nos océanos e o proceso polo cal estes residuos se fragmentan e dan lugar aos microplásticos.
Durante a sesión explicouse como os microplásticos se acumulan nos ecosistemas mariños, entran na cadea alimentaria e chegan a bioacumularse no organismo humano. Así mesmo, expuxéronse evidencias científicas recentes que detectaron microplásticos no leite materno, no cerebro humano e nas células reprodutoras.
Esta actividade enmárcase no programa de alfabetización climática desenvolvido dentro de LugoNaturalMente, un proxecto impulsado pola UNED de Lugo que combina divulgación científica, concienciación ambiental e compromiso social.
A iniciativa reforza, ademais, os valores de inclusión, equidade e de non deixar a ninguén atrás, principios que orientan tanto o proxecto LugoNaturalMente como a acción institucional da UNED de Lugo no seu conxunto.




