MULLERES CONTRA A FENDA DE XÉNERO
Durante todo o mes, as instalacions da universidade albergarán a exposición da obra da artista Ana Rodríguez, tamén coñecida como Anama. Baixo o título "Mulleres contra a fenda de xénero", a artista, a través das súas pinceladas, denuncia as diversas desigualdades sufridas polas mulleres.
ANA RODRÍGUEZ "ANAMA"
Durante a súa traxectoria, completou os seus estudos en Maxisterio e máis tarde en Artes Aplicadas, realizando así un soño que sempre desexara. Na súa época, era pouco común que unha muller deixase a súa cidade natal para formarse en belas artes, debido á predominancia masculina neste campo. Con todo, superando estes obstáculos, logrou cumprir as súas aspiracións e desafiar os estereotipos de xénero. Finalmente, destacou como profesora de pintura en varias institucións e converteuse nunha artista recoñecida na cidade de Lugo.
Realizou diferentes exposicións que, inicialmente tiñan un estilo realista, como en “Mujeres”, para despois evolucionar cara a unha visión máis persoal e creativa da realidade como en “Mujeres en pandemia”. Nestas obras, Anama rompe coas representacións obxectivas da figura da muller para plasmar no lenzo a súa mirada da sociedade.
Baixo o título “Mulleres contra a fenda de xénero”, a creadora denuncia coas súas pinceladas as diversas desigualdades sufridas polas mulleres nas distintas esferas da sociedade como o emprego, os coidados, o poder, a saúde, a participación social, a pobreza e a violencia de xénero. A través desta obra, deixa voar a súa imaxinación a través dunha paleta de cores cálidas, como o violeta para remarcar o símbolo da muller, o vermello para destacar o sangue derramado polas vítimas de malos tratos, o rosa polas nenas, e o branco pola pureza. Xunto coa forma das figuras, marca o seu aceno de identidade como autora.