O proxecto “ODS en Acción”, promovido polo Observatorio ODS da UNED, é unha iniciativa anual que busca difundir, a través dun ciclo de conferencias, os valores e obxectivos da Axenda 2030. Cada mes abordarase un Obxectivo de Desenvolvemento Sostible (ODS) vinculado a un Día Mundial ou Internacional, co propósito de fomentar o pensamento crítico, impulsar a acción colectiva e reforzar o papel da universidade como axente transformador cara a un futuro máis xusto e sostible.

Conmemoración do Día Internacional da Loita Contra o Cambio Climático (24 de outubro). ODS 13: Acción polo clima
Conferencia: "Bosques e Cambio Climático. Retos e oportunidades"
Ponente: Mercedes Rois
Os nosos bosques están ameazados pola crise climática, pero ao mesmo tempo son parte da solución para facer fronte á mesma. Na charla abordaremos os desafíos aos que se enfrontan e as oportunidades que ofrecen, desde a perspectiva da industria e a investigación, pero principalmente para os pequenos propietarios forestais, aspecto central do proxecto europeo SMURF.

Conmemoración do Día Internacional para a Eliminación da Violencia Contra a Muller (25 de novembro). ODS 5: Igualdade de xénero.
Conferencia: "Combatendo o machismo en redes"
Ponente: Sandra Piñeiro Vilas e Luis Villares Naveira
No contexto do 25 de novembro, esta sesión analiza como o machismo se expresa e se amplifica nas redes sociais, un espazo no que os discursos de odio, a desinformación e os estereotipos de xénero atopan unha rápida difusión. Desde unha perspectiva crítica e académica, examínanse os mecanismos que sosteñen estas dinámicas dixitais e preséntanse ferramentas educativas e comunicativas que permiten contrarrestalas, promovendo contornos máis seguros, igualitarios e respectuosos cos dereitos das mulleres.

Conmemoración do Día Internacional das Montañas (11 de decembro). ODS 15: Vida de ecosistemas terrestres.
Taller: "Baño de Bosque e Iniciación ao Haiku"
Ponente: Mercedes Rois e Francisca García Jáñez
O haiku é unha forma de mirar a natureza e prestar atención aos cambios da paisaxe e a todo o que nos rodea. É unha composición poética de orixe xaponesa, un poema curto de 3 versos de 5-7-5 sílabas respectivamente. Aprenderemos a esbozar un haiku captando un momento efémero da natureza, conectando co presente.
Os baños de bosque (Shinrin-Yoku) son unha práctica, tamén xaponesa, que convida a mergullarse na natureza con atención plena. Son moito máis ca un paseo: son unha experiencia consciente, inmersiva e multisensorial para conectar coa natureza e cun mesmo, para acougar a mente e fortalecer a saúde. Numerosos estudos científicos destacan os seus beneficios.





