A UNED e Banco Santander, S.A., colaboran desde o ano 2021 nun convenio, renovado en 2023, para impulsar a Axenda 2030 e os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) no marco dunha política universitaria de cooperación social. Este acordo reforza o compromiso da UNED coa docencia, a investigación e a extensión cultural ao servizo da sociedade, así como a aposta do Santander pola educación superior como parte central da súa responsabilidade social corporativa.
Neste contexto convócanse as prácticas CentrODS nos Centros Asociados da UNED. Trátase de prácticas académicas externas extracurriculares nas que o estudantado colabora en proxectos relacionados cos ODS. Os ámbitos son variados: inclusión educativa, accesibilidade, sustentabilidade ou innovación docente. Deste xeito, foméntase a participación do alumnado en iniciativas que benefician tanto á comunidade universitaria como ao contorno social, reforzando a dimensión transformadora da universidade.

Durante o período de prácticas, o alumnado tivo a oportunidade de contribuír achegando unha perspectiva sociolóxica ás actividades de educación ambiental desenvolvidas. O seu labor estivo aliñado directamente cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) das Nacións Unidas, en particular cos seguintes:
- ODS 4. Educación de Calidade.
- ODS 11. Ciudades e Comunidades Sostenibles.
- ODS 13. Acción polo Clima.
- ODS 15. Vida de Ecosistemas Terrestres.
- ODS 17. Alianzas para Acadar os Obxectivos.

Ao longo do período de prácticas, os dous estudantes desenvolveron diferentes tarefas en ámbitos educativos, sociais, sociolaborais e comunitarios, podendo mellorar as destrezas da súa futura profesión.
Proxecto “Ningún Aro Sen Rede”
Participación na actividade “Ningún Aro Sen Rede”, organizada polo Centro Asociado da UNED en Lugo en colaboración coa Fundación Breogán e a empresa Ecoballution. Esta iniciativa combina deporte, reciclaxe e educación ambiental, e está dirixida principalmente a alumnado de Educación Primaria.
O impacto educativo da actividade permitiu ao estudantado reflexionar sobre o papel do deporte como ferramenta de sensibilización e transformación social, poñendo de manifesto o valor das alianzas institucionais e o potencial da educación non formal para a promoción de valores sociais e medioambientais.
Alfabetización climática
Iniciativa enmarcada dentro do proxecto #Lugonaturalmente, cuxo obxectivo é educar en materia de emerxencia climática a distintos colectivos, desde centros educativos, fundacións non gobernamentais, asociacións veciñais e centros penitenciarios, entre outros.
Durante o período de prácticas, o alumno tivo a oportunidade de asistir a cinco conferencias de Alfabetización Climática. A súa participación achegou un enfoque socioeducativo á temática da actividade, permitindo ao equipo de NaturalMente diagnosticar situacións complexas nas que aplicar medidas específicas da acción socioeducativa.
Conferencia “Bulos Climáticos. Como defenderse ante a desinformación”
A fase final das prácticas estivo marcada pola organización e execución dunha conferencia centrada na desinformación sobre o cambio climático. O resultado foi a conferencia titulada “Bulos Climáticos. Como defenderse ante a desinformación”, celebrada o 27 de marzo de 2025 no salón de actos do Centro Asociado da UNED en Lugo.
A iniciativa, organizada como unha actividade de extensión universitaria, representou a culminación do proceso formativo, poñendo en valor a evolución do alumno en materia comunicativa, ao tratarse dunha charla na que debía integrar e explicar a lóxica habitual das fake news e a ciencia climática, dúas temáticas nas que inicialmente carecía de experiencia.
Xestión da Calidade SGICG-CA
Parte do traballo realizado polo alumnado en prácticas centrouse no coñecemento, análise e actualización do Sistema de Garantía Interna de Calidade na Xestión do Centro Asociado (SGICG-CA).
O seu labor, supervisado pola directora do CA de Lugo, permitiu recompilar todas as evidencias actualizadas para a consolidación dos avances na ficha de autocomprobación, ferramenta clave para futuras auditorías internas e para a mellora continua do sistema de xestión.





