PLAN A
"Plan A", o videopodcast da UNED Lugo, impulsado desde a Oficina Verde dos Centros Asociados, no que reflexionamos sobre a sustentabilidade desde a ciencia, a educación e o territorio. Trátase dun proxecto co que queremos construír coñecemento compartido e dar voz a persoas que inspiran un cambio real cara a un futuro máis xusto, verde e humano. Porque falar de sustentabilidade é falar tamén de cultura, de responsabilidade social e de esperanza.
EPISODIOS
Episodio 0: Fernando Valladares
No episodio inaugural, a directora da UNED de Lugo conversa con Fernando Valladares, investigador e divulgador de referencia internacional, sobre os retos ambientais e sociais que definen o noso tempo. Xuntos reflexionan sobre o papel da ciencia e da educación na transformación cara a modelos de vida máis sostibles e sobre como cada pequena acción conta á hora de coidar o planeta.
Episodio 1: Antonio Rigueiro Rodríguez
Conmemoramos o Día Internacional dos Bosques conversando cunha figura imprescindible do noso panorama científico e forestal: Antonio Rigueiro Rodríguez. Catedrático de Produción Vexetal, académico da RAG e apaixonado divulgador, Rigueiro acompáñanos nunha viaxe pola riqueza natural de Galicia. Analizamos os retos aos que se enfrontan as nosas masas forestais, a importancia da biodiversidade e como o aproveitamento sustentable constitúe a mellor ferramenta para loitar contra o abandono do medio rural.
Episodio 2: María Sánchez
Con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente, conversamos con María Sánchez, veterinaria de campo, escritora e divulgadora. Falamos da crise climática, do mundo rural, da biodiversidade, da memoria, dos coidados e da necesidade de reconstruír unha relación máis respectuosa coa terra.










